Bubok abre espazo físico en Madrid

martes, 8 de abril do 2014 Redacción

Bubok, plataforma de autopublicación e venda de libros por Internet da que xa temos falado en Código Cero con motivo de amosar novos vieiros para amosar a creatividade literaria, sáese da Rede para pór un pé na vida real. Máis en detalle, abrirá a súa primeira libraría física, será no centro de Madrid na zona de Alonso Martínez (rúa Belén, 13), o vindeiro 23 de abril e coincidindo coa celebración do Día Internacional do Libro. A idea dos responsábeis do servizo é converter Bubok “na primeira empresa en liña de autopublicación que abre un espazo físico, permitindo a todos os escritores noveis que poidan vender o seu libro non só por Internet, senón tamén nunha libraría física”. Isto, sinalan, era até o de agora algo “inaccesíbel” para os autores novos.
Ademais de libraría, o novo espazo de Bubok será centro cultural e acubillará presentacións de obras e obradoiros e cursos de edición por conta propia. Lembremos que Bubok, cuxo espazo físico estará aberto a partir das 21.30 do día 23, é unha empresa española fundada en 2008 que arestora conta con presenza nunha chea de países: México, Colombia, Arxentina, Suecia, Portugal, Reino Unido e Francia. Arestora ten maís de 80.000 usuarios rexistrados e 70.000 títulos publicados de todos os xéneros e temáticas, dos cales 26.000 son libros electrónicos.

PUBLICIDADE