CD Projekt Red desenvolverá un novo xogo de The Witcher

xoves, 12 de marzo do 2020 Marcus Fernández

CD Projekt Red, estudio detrás da serie de xogos de The Witcher, leva anos traballando nun grande xogo, Cyberpunk 2077, que ten previsto ver a luz en setembro, pero a través de Stooq sabemos da man do presidente da compañía, Adam Kiciński, que pese a que xa hai bastante tempo da última entrega de The Witcher, esta non será a derradeira, xa que recoñece que tras rematar o traballo en Cyberpunk 2077 iniciarán un novo proxecto ambientado no universo de The Witcher.
Kiciński vai un paso máis aló, e asegura que pretenden manter en paralelo desenvolvementos para os universos de Cyberpunk e The Witcher, matizando que precisan entre 4 e 5 anos en desenvolver os seus proxectos, xa que a calidade precisa de tempo, polo que parece evidente que non veremos un posible The Witcher IV nun par de anos, senón que haberá que agardar bastante máis, sen que iso supoña que os que suban ao carro de Cyberpunk 2077 non vaian deixar de recibir contidos adicionais, modo de xogo en liña e secuelas ante o previsible éxito dunha franquía pola que hai unha grande expectación.

PUBLICIDADE