CENTR quere converterse na cámara GoPro de 360 graos

mércores, 28 de maio do 2014 Marcus Fernández

Como unha curiosa alternativa ás cámaras GoPro chega a Kickstarter CENTR, unha cámara que rexistra a acción en 360 graos en resolución 4K, o que permite conservar as experiencias dun xeito moi completo e prometedor. A cámara é resistente á auga, pode empregar unha das súas 4 cámaras HD de xeito independente (para poder gravar vídeo normal en vez de vídeo envolvente cando non o precisemos), permite a visualización do vídeo en ordenadores, smartphones e tablets en tempo real a través dun reprodutor interactivo e incluso ten unha batería que pode substituírse rapidamente para cando precisemos de grande autonomía en mobilidade (a batería incluída ten unha autonomía de ata 2 horas).
Esta interesante produto xa completou máis da metade do seu financiamento en Kickstarter, onde pode conseguirse unha destas cámaras cunha achega de 299 dólares (260,41 euros con portes incluídos) e chegaría a mans dos mecenas en febreiro de 2015. Ten un deseño ergonómico, pode colocarse en trípodes ou en soportes para cámaras GoPro, pesa menos de 250 gramos, grava vídeo de 360 graos ata a 60 imaxes por segundo, pode controlarse dende un dispositivo móbil conectado a través de Bluetooth, permite a previsualización en tempo real a través de Wi-Fi, pode tomar fotografías de 360 graos de 20 Mpíxeles e pode gravar os contidos rexistrados nos seus 8 Gb de almacenamento interno ou en tarxetas microSD.
Realmente falar de 20 Mpíxeles ou 4K nesta solución podería resultar confuso, pois realmente o que temos son 4 cámaras de 5 Mpíxeles capaces de gravar en Full HD, polo que as proporcións serían máis horizontais do habitual. Por exemplo, a cámara CENTR pode gravar vídeo de 6.900 x 1.080 píxeles ata a 30 imaxes por segundo ou vídeo de 4.600 x 720 píxeles ata a 60 cadros por segundo, aínda que non só a imaxe é envolvente, senón que tamén conta con 3 micrófonos, para poder reflectir fielmente todo o que acontece ao noso redor.
Aínda que esta cámara pode lembrarnos á 360cam da que falamos a semana pasada estamos ante tecnoloxías bastante diferentes, pois neste caso estamos nun dispositivo claramente enfocado á acción, mentres que o produto anterior busca imaxes máis envolventes verticalmente, pensando en capturar paisaxes e localizacións, non secuencias deportivas.


Vídeo de presentación da campaña de financiamento da cámara CENTR

PUBLICIDADE