CESGA e Cartogalicia unen forzas e brindan o seu apoio aos científicos galegos

mércores, 23 de xaneiro do 2013 Redacción

De esquerda a dereita, César Parcero, investigador do INCIPIT-CSIC; Manuel Borobio, director IET, CMATI, Xunta de Galicia; Javier García Tobío, director do CESGA e Marcos López, xerente de Cartogalicia

Na mañá de onte (22 de xaneiro) Cartogalicia -empresa dedicada á topografía e á cartografía- e CESGA -o Centro de Supercomputación de Galicia- asinaban un acordo de colaboración a prol da comunidade científica galega. Así, en base a este achegamento, a compañía comprometíase a achegar o acceso gratuíto a todos os investigadores das universidades e OPIs galegas da súa rede Galnet, unha rede complementaria do Sistema Global de Navegación por Satélite (GNSS) que abrangue a toda xeografía no que a posicionamento por satélite se refire.
Os datos obtidos contribuirán a unha meirande precisión, xa que Galnet é hoxe o primeiro servizo en Galicia de posicionamento de alta precisión con receptores capaces de procesar datos das constelacións GPS, GLONASS e a futura Galileo.
Pola súa banda, o CESGA achegará a infraestrutura para redundar e protexer o servizo de datos.
Dicir que a rede Galnet dispón de receptores GNSS que constitúen estacións base espalladas por toda a nosa terra, cunha distancia entre elas de arredor de 60 ou 70 quilómetros, e que monitorizan os sinais dos satélites dos sistemas GPS e GLONASS. Deste xeito, os datos resultantes para a corrección diferencial producidos pola rede chegarán de balde aos científicos de Galicia e poderán ser incorporados para a execución de proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i). Engadir que para a difusión dos datos empregarase de xeito exclusivo Internet, e poderase acceder a eles desde un computador de sobremesa ou -no caso de medicións de campo- mediante teléfonos móbiles ou con dispositivos que operen con ligazóns de radio.

PUBLICIDADE