CHUWI ofrece a través de Indiegogo un ultraportátil con pantalla táctil de 8 polgadas

xoves, 20 de xuño do 2019 Marcus Fernández

O fabricante chinés CHUWI volve apostar polo micromecenado para comercializar un dos seus novos equipos, e o seu novo MiniBook chega a Indiegogo completando a súa meta de financiamento case ao instante, confirmando o interese do público ante esta proposta de ordenador ultraportátil (UMPC), o que pode resultar sorprendente tras o fracaso do formato netbook.
O MiniBook é un ordenador portátil cun volume que é practicamente a cuarta parte que o dun portátil ordinario, facilitando así o seu transporte, á vez que tamén presenta unha pantalla táctil rotatoria que dota ao equipo de grande versatilidade (de xeito que podería converterse nunha tableta con só xirar a pantalla).
O equipo de só 662 gramos ten unha pantalla de 8 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.200 píxeles, 8 GB de RAM, 128 GB de almacenamento eMMC, gráfica Intel integrada, webcam de 2 Mpíxeles, conectividade Wi-Fi AC e Bluetooth 4.0, un porto USB-C, un porto USB-A 3.0, un porto USB-A 2.0, micrófono integrado, toma para auriculares, lector de tarxetas micro SD, saída mini HDMI e rañura M.2 para unha unidade SSD (para así poder ampliar a súa capacidade de almacenamento) que chegará en dúas configuracións diferentes: unha básica cun procesador Intel Celeron N4100 (de 4 núcleos) e outra máis completa cun procesador Intel Core M3-8100Y (de 2 núcleos).
O prezo do CHUWI MiniBook cun procesador Intel N4100 partiría dos 429 dólares (379,50 euros), mentres que o modelo con procesador Intel Core M3-8100Y partiría dos 530 dólares (468,85 euros). Este equipos comezarían a remitirse aos seus mecenas a partires do mes de setembro.
Este equipo de CHUWI pode adquirirse cun teclado en inglés ou en xaponés, ou sexa, que non está dispoñible cunha disposición de teclas en español, o que para moitos é o seu principal defecto, aínda que para moitos outros o seu reducido tamaño sería máis un atranco que unha vantaxe, xa que Windows 10 non é un sistema operativo que resulte especialmente cómodo en pantallas táctiles cativas.

Ao xirar a pantalla o MiniBook pode converterse nunha tableta ou nun cómodo dispositivo de lectura
A bisagra do MiniBook permite colocar o equipo en disposicións cómodas para o consumo de contidos

Vídeo promocional do CHUWI MiniBook

PUBLICIDADE