CPEIG e AMTEGA celebraron na Cidade da Cultura a xornada final de TechKids

luns, 28 de outubro do 2019 Redacción

Raúl Rocha, Fernando Suárez e Manuel Meijide no transcurso da xornada de remate do TechKids

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) celebraron este domingo a xornada final do programa TechKids, unha completa axenda divulgativa e itinerante sobre programación, robótica, drons e animación 3D celebrada durante o verán nas aulas CeMIT de Galicia. A cita deste domingo, celebrada no Edificio do Centro de Innovación Cultural (CINCI) da Cidade da Cultura de Galicia en Santiago, contou coa participación dun centenar de rapaces e rapazas de 10 a 17 anos nunha xincana tecnolóxica con seis obradoiros diferentes sobre escape room de contido matemático, pilotaxe de drons ou xogos de programación interactivos e de realidade virtual.
Esta iniciativa está enmarcada no Programa de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent, e destinada a estimular o talento precoz no ámbito das Tecnoloxías da Información e Comunicacións (as TIC), así como fomentar o atractivo vocacional de profesións científico-tecnolóxicas entre a poboación máis nova.
Ademais, celebráronse dúas conferencias sobre o mundo dos videoxogos e a animación co director e fundador do Congreso Internacional Mundos Digitales, Manuel Meijide, e o co-fundador da produtora audiovisual Illusorium Studios (recoñecido estudio de postprodución nacional especializado en 3D), Raúl Rocha. Presentaron en primicia a nova rede social de Facebook, baseada en Realidade Virtual e con escenarios recreados pola compañía española Illusorium Studios. Tamén analizaron as posibilidades profesionais que o sector da creación dixital está demandando, centrándose sobre todo na animación e os videoxogos.
Máis de 400 rapaces participaron en 45 xornadas
O CPEIG e a AMTEGA organizaron nos meses de xullo, agosto e setembro unhas xornadas sobre robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para videoxogos ou películas de animación, enmarcadas no programa TechKids, destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega. Organizáronse 45 obradoiros nas aulas CeMIT de diferentes concellos das catro provincias galegas nas que participaron 464 alumnos e alumnas. O seu obxecto foi achegar aos máis novos a industria dos contidos dixitais para ofrecerlles unha visión ampla dos perfís profesionais que demanda o sector, a formación e os estudos polos que deben optar se están interesadas/os nesta saída profesional.

PUBLICIDADE