Call of Duty: Black Ops III sae á venda

venres, 6 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Coa intención de converterse na grande estrela dos vindeiros meses, chega hoxe as tendas o xogo de Treyarch Call of Duty: Black Ops III, título de acción en primeira persoa que mantén a súa comercialización multi-plataforma de xeito que xa pode mercarse por un prezo recomendado de 69,99 euros para nas súas versións para Xbox One e PlayStation 4, mentres que as versións para PC, Xbox 360 e PlayStation 3 custan 10 euros menos, buscando así chegar ao meirande número de xogadores posible, aínda que as versións para consolas da anterior xeración son entregas moi inferiores, que carecen do modo campaña e que presentan non só uns gráficos menos detallados, senón tamén con moitos elementos modificados, o que parece responder principalmente a unha falta de mimo por parte dos desenvolvedores que centran os seus esforzos nas novas consolas, co que tamén pretenden animar aos usuarios a saltar á nova xeración.
Nos equipos máis potentes podemos gozar dunha curiosa campaña cooperativa en liñas para até 4 xogadores, que tamén pode gozarse como unha aventura cinemática en solitario, ofrecendo así unha boa introdución a este novo xogo editado por Activision que quere gañarse aos xogadores con contornos espectaculares, armamento e habilidades nunca vistos e un novo sistema mellorado de movemento fluído.
O xogo non esquecerá o seu popular modo zombi, e para a versión de PC confirmaron que durante 2016 porán a disposición do público as ferramentas que facilitarán as modificacións do xogo e a creación de novos mapas.

Vídeo no que podemos ver as diferenzas entre o xogo para Xbox One e Xbox 360

PUBLICIDADE