Call of Duty: Modern Warfare Remastered sae á venda por separado

martes, 27 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Cando o pasado novembro saíu á venda o xogo Call of Duty: Infinite Warfare, a súa ambientación espacial provocou que fose un rotundo fracaso en vendas que veuse lixeiramente paliado polas súas edicións Legacy e Digital Deluxe, que incluían un xogo adicional, Call of Duty: Modern Warfare Remastered, unha adaptación de Call of Duty 4: Modern Warfare para as consolas actuais, que só podía adquirise dentro destes lotes.
Pasados uns meses parece evidente que Infinite Warfare é un xogo para quedar no esquecemento, e para poder tirar un maior rendemento da remasterización de Modern Warfare Activision decidiu comezar a vender o xogo por separado e, a partires de hoxe, os usuarios de PlayStation 4 poden mercar Call of Duty: Modern Warfare Remastered na PlayStation Store e en tendas, mentres que os usuarios de PC e Xbox One terán que esperar para poder facerse con este título de xeito independente.
O xogo inclúe a campaña orixinal completa e os 16 mapas multi-xogador que foron saíndo para o xogo, que agora poden gozarse cuns gráficos mellorados e incluso con audio remasterizado. Para celebrar este relanzamento os xogadores poderán participar no novo evento de tempada de Call of Duty chamado Días de Verán, que durará 5 semanas e contará con numerosos agasallos para empregar no xogo, eventos XP e novas playlist nos seus diferentes títulos. Tamén inclúe un novo mapa para o xogo, que estará dispoñible durante o evento.

Tráiler de Call of Duty: Modern Warfare Remastered

PUBLICIDADE