Cámara dixital compacta con Wi-Fi, Bluetooth e GPS

venres, 14 de agosto do 2009 Marcus Fernández

A distancia entre móbiles e cámaras dixitais cada día é máis reducida, e nesta ocasión, en vez de ter un móbil que tira boas imaxes, temos unha cámara con alta conectividade, pois a nova Samsung ST1000 (tamén coñecida coma Samsung CL65), cun sensor de 12,2 Mpíxeles, zoom de 5x, pantalla táctil de 3,5 polgadas e gravación de vídeo a 720p e de tamaño compacto (99,8 x 60,8 x 18,9 mm) pode comunicarse a través de Bluetooth 2.0 e Wi-Fi.
A cámara porase á venda en setembro a 399,99 dólares (279,64 euros) e tamén conta con GPS, de xeito que podemos xeoposicionar as nosas fotografías, aínda que o feito de poder remitir as imaxes de xeito automático por correo electrónico ou subilas directamente a servizos coma Picasa é realmente o máis interesante que achega esta compacta de Samsung, á que non lle faltan prestacións coma recoñecemento de caras (ata 20), sistema de enfoque automático táctil, dobre estabilización de imaxe e mesmo a transferencia de imaxes a outros dispositivos compatibles a través de Bluetooth 2.0.

PUBLICIDADE