Canal+ estreará un programa dedicado ós videoxogos

martes, 4 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Pese a que os videoxogos son actualmente unha industria que move máis cartos que o cine ou a música, a televisión dálles as costas en España (mentres que noutros países aínda se manteñen canles dedicadas a eles) e, para cambiar esta tendencia, Canal+ estreará ó vindeiro 3 de outubro ás 19:10 horas o programa Jugones, que en 20 minutos de duración e con periodicidade mensual dará unha visión moi particular do mundos dos videoxogos.

Jugones amosará ós seus presentadores dun xeito orixinal

O programa estará realizado por David López Guaita (quen traballara no pasado na industria española do videoxogo) dende Tokyo, e estará presentado por personaxes que mesturan a infografía 3D con imaxe real que darán paso a novidades, rankings, análises de xogos, trailers e reportaxes, que se completarán cunha web dende a que se poderá participar en concursos, descargar demos e facer peticións de contidos, mentres que o creador do programa, David Guaita, tamén amosará as novidades do mercado nipón cun blog escrito dende o Imperio do Sol Nacente.
O programa promete tirar moito proveito da Rede, e así procurarán aproveitar a interaccións cos seus seguidores, e permitirán incluso que o público participe mediante webcam, aínda que contará coas limitacións dunha periodicidade moi dilatada e unha difusión limitada a unha canle de televisión de pago.

PUBLICIDADE