Cancélase un xogo financiado a través de Kickstarter

martes, 18 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Aínda que tendemos a pensar que as achegas a proxectos de micromecenado son compras anticipadas, o certo é que trátase de investimentos que, de trunfar, poden recompensar aos seus mecenas, pero de cando en vez as cousas non saen como se espera, principalmente pola inexperiencia dos equipos detrás dos proxectos innovadores, e iso non só acontece polas dificultades de fabricar produtos físicos, senón tamén á hora de desenvolver videoxogos, como veñen de demostrar dende Exploding Rabbit, compañía que está a decepcionar a centos de persoas que lle deran apoio.
Este proxecto encabezado por Jay Pavlina buscaban crear un xogo de plataformas en 2D chamado Super Retro Squad, no que pretendían imitar clásicos xogos de plataformas na liña do que fixeran no xogo Flash Super Mario Bros Crossover, o que debería ter servido de garantía de bo facer, pero a ambición do novo proxecto que buscaba 10.000 dólares para financiarse e conseguira xuntar 53.509 dólares, estimando rematar o produto en marzo de 2013, non só continúa sen data de lanzamento fixada, senón que agora Jay Pavlina entoa un mea culpa e anuncia que non foi quen de xestionar o proxecto, polo que ten que metelo na neveira, asegurando que, de ter sabido o complicada que sería esta aventura, non tería iniciado un proxecto de Kickstarter ata ter adquirido a experiencia suficiente.
Boa parte deste problema vén de que, en vez de desenvolver o novo xogo en Flash (como Super Mario Bros Crossover), optou por empregar como motor do xogo Unity, plataforma moi diferente que fixo que tivese que empezar practicamente todo o traballo dende cero e comprobando do xeito máis duro que non elixira a plataforma máis axeitada para un título en dúas dimensións. Se a isto sumámoslle erros de cálculo á hora de estimar o tamaño do xogo (moito máis ambicioso do que pensaban inicialmente), o cálculo pouco realista dos custos (hai que pagar aos desenvolvedores para que dediquen o seu tempo ao proxecto) e a formación dun mal equipo de traballo (en boa medida por as limitacións económicas). De todo isto pode desprenderse que o grande erro de Pavlina foi lanzar un proxecto en Kickstarter antes de ter completado o deseño do xogo, pois só tiña unha vaga idea na cabeza do que quería conseguir, e dese xeito non puido realizar unha boa planificación nin unha estimación de custos realista, de xeito que ano e medio de esforzos remataron finalmente en nada; tamén errou á hora de non apostar por un pequeno grupo de desenvolvedores con experiencia que traballasen a xornada completa.
Dado que os cartos recibidos a través de Kickstarter investíronse nun proxecto fracasado, os mecenas non recibirán nada, aínda que Jay Pavlina convida aos usuarios que achegaron maiores cantidades (un chegou a aportar 2.500 dólares ao proxecto) a contactar con el para intentar compensalo dalgún xeito.

PUBLICIDADE