Canon presenta cámaras EOS R con sensor APS-C

mércores, 25 de maio do 2022 Marcus Fernández

Hai uns meses dende Canon aseguraron que non desenvolverían novas cámaras DSLR profesionais, ou sexa, que non habería auténticos modelos novos de cámaras réflex, quedando o formato relegado a cámaras de entrada, e como constatación desta nova política temos a presentación de novas cámaras Canon EOS R con sensores APS-C, tamaño de sensor propio das DSLR, e que agora tamén estarían dispoñibles para cámaras sen espello.
Estas novas cámaras estarían orientadas a afeccionados que queiran cámaras de grande velocidade e rendemento, pero cun deseño contido en tamaño.
Estes novos modelos da gama EOS R herdarían a tecnoloxía de enfoque automático intelixente dos modelos full frame, e tanto poden disparar até 15 imaxes por segundo tirando proveito do obturador mecánico, mentres que coa función de obturador electrónico poden disparar até a 30 imaxes por segundo (a EOS R7).
A Canon EOS R7 tamén presume de estabilización de imaxe no seu corpo á vez que estrea sistema IS para nivelar a liña do horizonte e así compensar os movementos verticais cando se dispara cos novos modos panorámico e de barrido.
As EOS R7 e EOS R10 contan con sensores APS-C de 32,5 e 24,2 Mpíxeles e pesan 612 e 429 gramos respectivamente, podendo ambas gravar vídeo 40K a 60p ou 30p a partir de mostras de 7K e 6K respectivamente, conseguindo unha extraordinaria calidade de imaxe. A EOS R7 tamén conta cun modo 4K a 60p con recorte, orientado a gravacións a distancia (como as gravacións de natureza).
As cámaras con compatibles con obxectivos EF e EF-S, o que resulta moi acaído para usuarios que proveñan de cámaras réflex dixitais. A Canon EOS R7 poderase mercar sen obxectivos por 1.579,99 euros, mentres que a Canon EOS R10 sen obxectivos custará 1.029,99 euros, evidenciando que estes novos produtos afástanse considerablemente do formato DSLR no prezo, pese a que ambos tipos de cámara empreguen sensores APS-C.

Vídeo de presentación das novas cámaras EOS R con sensor APS-C

PUBLICIDADE