Canon presenta unha cámara compacta de 14,7 Mpíxeles

mércores, 17 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Canon renova a súa oferta de cámaras compactas, entre as que destaca especialmente a PowerShot SD990 IS Digital ELPH que supera o límite dos 12 Mpíxeles que había nesta gama de produtos chegando ata os 14,7 Mpíxeles, permitindo tomar instantáneas dunha resolución moi elevada para o seu reducido tamaño (96,7 x 62,2 x 27,9 mm) e peso (160 gramos).
A nova cámara incorpora o procesador de imaxes DIGIC 4, que mellora a detección de rostros, o enfoque automático de obxectos movéndose e a corrección intelixente do contraste. Ten un zoom óptico de 3,7x, unha óptica equivalente a 36-133 mm, unha sensibilidade de 1.600 ISO, unha pantalla LCD de 2,5 polgadas e as características habituais nun dispositivo deste tipo (como gravación de vídeo ou conectividade USB).
Sairá ao mercado en outubro a 399 dólares (aínda está por anunciar o prezo europeo do produto).

PUBLICIDADE