Canon presenta unha cámara para automatizar as fotografías familiares

venres, 29 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Canon vén de presentar unha curiosa cámara, a PowerShot PX, orientada para o seu uso en familia, para o que adopta un formato semellante ao de moitas cámaras de vixilancia, e consegue capturar de xeito automático fotografías de calidade de 11,7 Mpíxeles e vídeo Full HD a 60p.
A idea desta cámara é sinxela: colocala nun lugar fixo, e que a cámara se oriente automaticamente a onde está a acción para poder capturar momentos familiares sen que unha persoa quede fóra por ter que ser a que realiza as fotografías ou grava o vídeo.
A Canon PowerShot PX sería como ter un fotógrafo familiar, que segue a acción e encadra ás persoas de xeito intelixente para captar expresións e reaccións naturais, podendo colocarse en case calquera lugar do fogar para captar acontecementos diarios, contando con capacidades de ordes por voz cun control absoluto en mans libres para captar fotografías e vídeos dinámicos.
A cámara pode cargarse por USB-C (a súa autonomía varía entre as 2 e 5 horas en función da frecuencia de disparo que indiquemos) e conta con conectividade Wi-Fi e Bluetooth, de xeito que o material capturado pode logo verse dende a súa aplicación móbil, que recomenda as imaxes que merecen conservarse. O material elixido pode logo gardarse nunha tarxeta de memoria facilitando a súa transferencia a un ordenador, sendo tamén posible conectar a cámara sen fíos os PC con Windows para aproveitala como webcam. A aplicación móbil tamén facilita o control manual da cámara a distancia.
A PowerShot PX ten un obxectivo equivalente a un 19-57 mm (o que sería un zoom óptico de 3x); pode xirar 340 graos de esquerda a dereita e 110 graos de arriba a abaixo; a súa tecnoloxía de recoñecemento facial facilita a realización de encadres e incluso pode dar prioridade a certos rostros; ten función de captación automática de fotografías e vídeos; e chegará ao mercado o 18 de novembro en cor branca ou negra a un prezo de 479,99 euros (incluíndo adaptador de corrente de 18 watts e unha tarxeta microSD de 16 GB), que é probablemente o seu principal atranco de cara a unha adopción masiva.

A PowerShot PX pode captar momentos do noso día a día sen que unha persoa teña que quedar fóra da acción
A aplicación móbil da cámara permite o seu uso remoto
Dende o móbil podemos elixir as mellores fotografías captadas pola cámara ou deixar que o propio sistema suxira as mellores para a súa conservación

Vídeo promocional da Canon PowerShot PX

PUBLICIDADE