Canon presenta unha nova cámara réflex dixital con gravación de vídeo en alta definición

mércores, 25 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Canon presentou hoxe a súa gama de cámaras Rebel, que comeza coa EOS Rebel T1i, unha réflex dixital de 15,1 Mpíxeles, unha pantalla LCD de 3 polgadas e a capacidade de gravar vídeo en alta definición tanto a 1.080 como a 720p (reproducible a través da súa saída HDMI). Tamén é capaz de disparar ata 170 fotografías seguidas en JPEG a unha velocidade de 3,4 fotogramas por segundo.
Esta nova cámara pretendería converterse así nun modelo de introdución nesta gama de produtos profesionais, que mantería o seu prezo por debaixo do milleiro de dólares, de aí o seu atractivo. En prestacións tampouco queda curta, pois conta cun procesador de imaxe DIGIC 4 de grande potencia, unha sensibilidade de entre 100 e 3.200 ISO (aos que habería que engadir 2 modos adicionais de alta velocidade a 6.400 e 12.800 ISO), foto automático con 9 puntos de referencia e modos de axuste que permiten de xeito doado desenfocar un fondo ou iluminar ou escurecer unha imaxe.
A Canon EOS Rebel T1i chegará ás tendas norteamericanas a comezos de ano a un prezo recomendado de 799,99 dólares (só o corpo) coa opción de adquirila nun kit por 899,99 dólares.

PUBLICIDADE