Capcom adía a primeira beta de Street Fighter V por problemas nos seus servidores

luns, 27 de xullo do 2015 Marcus Fernández

A semana pasada tiña que terse desenvolvido a beta de Street Fighter V para PlayStation 4, pero ao pouco de iniciar as probas comezaron os problemas nos servidores, que estiveron a funcionar intermitentemente, e finalmente dende Capcom tiveron que pedir desculpas polo mal funcionamento dos servidores, asegurando que precisamente as betas organízanse para detectar este tipo de fallos, pero lamentando que a meirande parte dos usuarios non conseguiron ter unha boa experiencia, polo que decidiron pechar os servidores antes de tempo para desenvolver labores de mantemento, de xeito que adían a primeira fase de probas até que consideren que poderán achegar un servizo minimamente aceptable.
Dito doutro xeito: as poucas horas nas que a fase de probas estivo activa non cantarían para a compañía, que prometeu que haberá tres períodos de proba completos antes do lanzamento do xogo, e dado que algúns usuarios mercaron Street Fighter V de xeito anticipado precisamente para poder gozar da beta, Capcom non quere que se sintan defraudados polo prometido incentivo e, de feito, están a preparar algunha compensación para os usuarios que participaron nesta beta frustrada.
Cómpre destacar que estamos a falar inicialmente de usuarios norteamericanos, porque ante os problemas que se experimentaban no arranque da fase de probas ao outro lado do Atlántico, optaron por restrinxir o acceso aos xogadores europeos e asiáticos, mentres se identificaban os problemas que xurdían, explorando posibles solucións, pero finalmente non se puido gozar desta fase de probas en Europa, prometendo Capcom que tamén compensará dalgún xeito aos xogadores no noso territorio.

PUBLICIDADE