Carballo está a acoller un seminario sobre o potencial da Rede como dinamizadora da nosa lingua

mércores, 16 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

Esta semana (até o xoves 17) estase a celebrar no Pazo da Cultura do concello de Carballo un seminario sobre lingua galega e recursos das novas tecnoloxías e, máis polo miúdo, sobre todo o que as segundas poden facer en beneficio da promoción e o afianzamento da primeira. A actividade, máis ben un curso de verán (Traballando en lingua, chámase), está a ser organizada polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, e vai dirixido a todas aquelas persoas interesadas no eido da promoción da nosa fala e na ocasión que representan as novas ferramentas dixitais e o software libre no proceso de posta ao día.
O seminario, que xa comezou onte ás 10.30 horas cun acto de apertura que contou coa presenza do vicerreitor de Cultura e Comunicación da UDC, Luís Caparrós, tamén está encamiñado a abrir un segundo camiño complementario, dándolle a volta ao obxectivo principal co que se desenvolve. É dicir: con esta actividade non só se quere contribuír a normalizar lingua pola Rede, senón tamén a promover Rede pola lingua.
A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Carballo, da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua e da Deputación da Coruña.
O programa para a xornada de hoxe, día 16, e o que segue:
10:00 h: Toni Martí, profesora da Universidade de Barcelona e directora do CLiC (Centre de Llenguatge i Computació), impartirá unha conferencia baixo o título: “Tecnoloxías lingüísticas para o galego. Introdución á enxeñaría lingüística”.
12:15 h: Conferencia “Aproximación ás ferramentas de enxeñaría lingüística para a naturalización do idioma galego de man de José Ramón Pichel Campos, director da área de tecnoloxía lingüística de Imaxin Software.
16:00 h: O software libre como porta aberta para a normalización lingüística. Relatores: Miguel Blanco, representante de Proxecto Trasno coa conferencia: “A comunidade de grupos e proxectos de tradución de software libre ao galego”; Suso Baleato, coordinador de Mancomun.org que disertará sobre “Software en galego para o mundo da empresa”; Carmen Suárez Nieto, da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, que colaborará co relatorio: “A Rede de Dinamización” e José Ramón Pichel Campos (de Imaxin Software) que ofrecerá unha charla baixo o título “OpenTrad. Tradutor en software libre”.
18:30 h: Nieves R. Brisaboa, catedrática de Linguaxes na Universidade da Coruña impartirá unha conferencia sobre “Software para a normalización do galego no ensino”
O programa para o día 17 é o seguinte:
10:00 h: Conferencia “Contidos dixitais en galego” na que colabora Manuel Gago, director de Cultura Galega.org, portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega.
12:15 h: Conferencia “Iniciativa de intervención nas asociacións. A divulgación das TIC na sociedade galega” de man de Carme Paz Diéguez (da empresa Tagen Ata).
16:30 h: “Recursos culturais e pedagóxicos en rede”. Relatores: Xoán Costa Casas, presidente da AS-PG, Henrique Quintáns Míguez, xefe do Servizo do Libro e Bibliotecas da Consellaría de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Bragado, director xeral de Edicións Xerais e Camilo Regueiro López, representante de Punto Gal.
18:00 h: Conferencia de clausura “As tecnoloxías da linguaxe na normalización e dinamización lingüística” de man de Xavier Gómez Guinovart, profesor da Universidade de Vigo e director do Seminario de Lingüística Informática.

PUBLICIDADE