Carlos Abal, novo presidente de Ineo

xoves, 18 de xaneiro do 2018 Redacción

A asociación Ineo, a referencial alianza de empresas galegas de novas tecnoloxías, ten novo presidente. Trátase de Carlos Abal, que substitúe no seu cargo a Giovanni Giardina, o principal responsábel da entidade dende outubro de 2016. Segundo fixo saber Giardina sobre o peche da súa andaina á fronte de Ineo, o seu labor á fronte da entidade tiña dende a súa orixe unha natureza temporal, de tempo limitado, xa que o seu obxectivo foi o de impulsar a presidencia rotativa dentro da xunta directiva, “para así garantir a esencia participativa e colaborativa que rexe a entidade”. Por este motivo, Giardina non se desvincula da directiva senón que seguirá nela como secretario-tesoureiro, cedendo o seu cargo (previo acordo unánime dos demais membros da xunta), a Carlos Abal, anterior secretario-tesoureiro.
Pola súa banda, Carlos Abal, socio e director técnico da empresa Open Soft Servizos Informáticos, fixo saber que dará continuidade ás liñas de acción marcadas pola xunta directiva ao comezo do seu mandato: “Póñome á fronte de Ineo con moita ilusión para continuar facendo realidade os obxectivos que nos marcamos ao comezo do mandato. Por tanto, non haberá ningún cambio de estratexia, somos a mesma directiva e seguiremos co plan de acción que iniciaramos, simplemente houbo un cambio da cabeza visíbel da asociación”. Segundo engadiu respecto dos programas de estratexias futuras, “como representantes do sector TIC galego, seguiremos traballando para crear sinerxías a nivel nacional e internacional para as nosas empresas, para darlles visibilidade e un mellor posicionamento, axudalas a que sexan máis competitivas e para capacitar aos nosos profesionais, como viñemos facendo ata a data”.
O novo presidente de Ineo foi o encargado de inaugurar esta mañá, xunto con Jorge Cebreiros, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), unha xornada organizada en Vigo por ambas as entidades sobre o novo regulamento europeo de protección de datos e canon dixital, que contou cun centenar de asistentes. Na súa intervención, Carlos Abal salientou a relevancia desta xornada para coñecer as novidades e esixencias que introduce o novo regulamento: "Nas empresas aínda se detecta descoñecemento e unha falta de adaptación ás esixencias do mesmo". Así mesmo, engadiu que “estamos ante unha normativa bastante ríxida, onde as sancións ligadas aos incumprimentos son severas, polo que é moi importante unha pronta e rápida adaptación”.
Como dixemos, na cita participaron representantes de preto de 100 entidades galegas de distintos sectores. O seu obxectivo foi coñecer, de primeira man, os novos marcos regulamentarios no ámbito de protección de datos e canon dixital, e informarse dos seus principios reitores, implicacións prácticas e as posíbeis sancións derivadas do seu incumprimento.
Os encargados de detallar as novidades sobre as devanditas cuestións foron os avogados Jose Nogueira, experto en sector TIC e director executivo (CEO) en Sistemius; Francisco J. Abalde, socio de Auren Avogados; e Fabián Plaza, experto en protección de datos e dereito informático.

PUBLICIDADE