Case un centenar de persoas participaron no CITIC na xornada sobre protección do software

mércores, 27 de febreiro do 2019 Redacción

De esquerda a dereita: o director científico-técnico da OTRI da UDC, José Mahía Saavedra; o adxunto a transferencia do Vicerreitorado de Política Científica, Investigación e Transferencia e investigador do CITIC, Fidel Cacheda; e o subdirector do CITIC, Javier Pereira

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu esta mañá un encontro para pór de relevo a importancia das ferramentas informáticas como fonte de riqueza, excelencia e coñecemento. Estamos a falar da xornada formativa A protección do software. Dereitos de autor e patentes, organizada conxuntamente coa Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) da UDC e coa colaboración da Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM) e ZMB Patentes y Marcas. O evento contou con case un centenar de participantes.
En detalle, o obxectivo do encontro foi “dar a coñecer as posibilidades de protección do software dende un punto de vista legal e estratéxico, así como impulsar o uso da información de patentes no ámbito universitario”. Así, os participantes foron principalmente do sector investigador, universitario e empresarial.
A presentación da xornada foi a cargo do adxunto a transferencia do Vicerreitorado de Política Científica, Investigación e Transferencia e investigador do CITIC, Fidel Cacheda; o subdirector do CITIC, Javier Pereira; e o director científico-técnico da OTRI da UDC, José Mahía Saavedra. Interviñeron como conferenciantes o técnico examinador de patentes da Oficina Española de Patentes e Marcas, Juan Manuel Vázquez Burgos; o socio de ZBM Patentes y Marcas, Carles Comes Federico; e a responsable área de Protección de Resultados OTRI-UDC, María Isabel Docampo Ramos.

PUBLICIDADE