Casio anuncia un reloxo inspirado en Pac-Man

martes, 20 de xullo do 2021 Marcus Fernández

Casio anunciou hoxe o lanzamento do reloxo de pulso A100WEPC, unha reedición do reloxo dixital F-100 de 1978 á que incorporan detalles do videoxogo Pac-Man grazas a un acordo con Bandai Namco.
Estamos ante un reloxo cun deseño frontal único de catro botóns, cun estilo retro e divertido que na súa esfera presenta a Pac-Man e ás pantasmas que perseguían ao personaxe no xogo de 1980. O logotipo do Illuminator central tamén preséntase coa tipografía propia de Pac-Man.
A caixa do reloxo está bañada en ouro e inspirada na máquina recreativa de Pac-Man, presentando na súa parte superior do reloxo a Pac-Man fuxindo das pantasmas, mentres que na parte inferior podemos ver como é Pac-Man quen persegue aos seus inimigos. A corea tamén está personalizada coa imaxe das pantallas do clásico xogo.
O reloxo é resistente á auga; integra cronómetro, alarma e luz LED; funciona cunha batería CR1616 cunha autonomía aproximada de 3 anos; e un peso duns 53 gramos. Está previsto que saia á venda no Xapón en agosto a un prezo de 12.100 iens (94 euros), aínda que é bastante probable que saía á venda no resto do mundo.

PUBLICIDADE