Catro bandas galegas xuntaron 1.000 espectadores en YouTube coa interpretación do noso himno

luns, 18 de maio do 2020 Fernando Sarasketa

A celebración do Día das Letras Galegas pasará á historia como a edición máis dixital da historia da efeméride. Houbo, case todo en formato online, lecturas, vídeos, directos, faladoiros e, tamén, música. A música foi o elemento clave da actividade colectiva organizada polas bandas de Arca, Chapela, Vilatuxe e O Landro de Viveiro, que homenaxearon a Ricardo Carvalho Calero cun programa especial e a interpretación do Himno Galego por parte das catro agrupacións. O programa xuntou máis de 1.000 espectadores que sintonizaron no Youtube ao longo de dúas horas de emisión.
Houbo música, entrevistas e, como colofón, a versión confinada do Himno Galego con 175 músicos, as voces de Lucía Pérez, Najla Shami e Esperanza Mara e a Familia Vázquez interpretando en lingua de signos.
A Banda de Música de Arca, a Banda de Música de Chapela, a Banda de Música de Vilatuxe e a Banda Municipal de Música O Landro de Viveiro non quixeron deixar pasar a ocasión de homenaxear a figura de Carvalho Calero nunha data na “que todas acostuman a facer concertos” pero que, por mor da emerxencia sanitaria, tiveron que adaptarse aos novos tempos e traballar xuntas para sacar adiante unha proposta colaborativa entre as catro asociacións.
A cita, amais do himno, incluíu entrevistas e música. Carlos Rodríguez, Andrés Álvarez, Simón Couceiro e Antón Alcalde, compositores do pasodobre e das obras que puideron escoitarse ao longo da tarde deste domingo, responderon ás preguntas das bandas sobre as motivacións das propias pezas pero tamén, de como se enfrontan á creatividade en tempos de coronavirus.
A figura homenaxeada nesta edición, Carvalho Calero, estivo representada en pantalla pola escritora e docente Inma López Silva que fixo un repaso pola vida e obra do homenaxeado e laiouse de que tras “terlle sido negada esta homenaxe e en diversas ocasións polas súas polémicas, vivamos esta situación no momento no que finalmente se lle concede”.
Tamén interviñeron Víctor Vilariño, director da Banda de Música de Vilatuxe, e Carlos Timiraos, da Banda Municipal de Música O Landro de Viveiro.
O broche de ouro deste programa foi a versión confinada do Himno Galego no que participaron 175 músicas e músicos das catro bandas cunhas colaboracións “moi especiais”: as voces das artistas Lucía Pérez, Najla Shami e Esperanza Mara. Amais, a recoñecida e polifacética Familia Vázquez interpretou as verbas de Eduardo Pondal en lingua de signos.

Vídeo do himno galego

PUBLICIDADE