Caveman Ninja e Bomb Jack chegan a Switch

venres, 25 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos meses foron moitos os clásicos que chegaron á Nintendo Switch, consola que parece querer consolidarse como un paraíso para os xogos retro, e como boa mostra diso temos un par de lanzamentos esta semana que sen dúbida entusiasmarán a moitos amantes dos salóns recreativos.
O lanzamento máis destacable sería Bomb Jack, xogo de Tehkan publicado en 1984 e que no seu día adaptouse aos ordenadores da época (dende o ZX Spectrum até o Commodore Amiga). O curioso deste xogo é tanto o seu deseño coma o seu sistema de control, colocándonos na pel do superheroe Jack que ten que saltar e planear para recoller bombas en distintos niveis (conseguindo puntos adicionais de recoller as bombas nunha orde determinada) e que nesta revisión reflicte fielmente o xogo de recreativa. Este título editouse dentro da colección Arcade Archives de HAMSTER e véndese a 6,99 euros.

Vídeo promocional do Bomb Jack de HAMSTER

Pero un título que moitos xogadores terán máis presente, principalmente por ser máis recente e terse editado tamén en consolas, é Joe & Mac: Caveman Ninja, un clásico beat’em up de desprazamento lateral protagonizado por un par de homes das cavernas que armados con búmerangs, osos, pedras e outras armas teñen que percorrer diferentes niveis para rescatar a un grupo de mulleres secuestradas por unha tribo rival. Destaca o feito de contar con modo cooperativo, que permite a dous xogadores á vez en pantalla, así como o seu coidado aspecto gráfico, que facilitou que se convertese nun xogo moi lembrado, e que agora podemos recuperar na Switch por 7,99 euros.

Tráiler do Caveman Ninja para Nintendo Switch

PUBLICIDADE