Certas mensaxes poden provocar o bloqueo de consolas PS4

luns, 15 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Numerosos usuarios están a alertar dun fallo nas consolas PlayStation 4 que as faría vulnerables a un bloqueo que só podería arranxarse restaurando a consola á súa condición de fábrica tras recibir unha mensaxe na que se faría uso de caracteres especiais.
Estamos ante un fallo moi semellante ao que acontecera cos iPhone, que de recibir certos textos a través da súa aplicación de mensaxería quedaban inutilizable, e que nesta ocasión a prevención que pode tomarse é simplemente configurar a mensaxería de PlayStation Network para permitir só comunicacións privadas, evitando así que calquera poida remitir a perigosa cadea de texto que deixa inutilizable a consola.
É de esperar que en poucos días Sony publique unha actualización do software de sistema da PlayStation 4 corrixindo este fallo de seguridade que pode provocar importantes molestias, principalmente pola existencia de xente que considera aceptable como broma facer que outra persoa teña que borrar por completo a súa consola e ter que reinstalar todo o seu software (coa potencial perda dalgúns datos).

PUBLICIDADE