Chega a España a cámara Gear 360 de Samsung

venres, 10 de xuño do 2016 Marcus Fernández

A cámara de vídeo envolvente que acompañou aos Galaxy S7 e S7 edge como accesorio para rexistrar vídeo en 360 graos e así poder reproducilos de xeito inmersivo valéndonos dunha Gear VR, a Gear 360, está á venda dende o 29 de abril, pero o seu lanzamento oficial en España non chegou até hoxe, cando xa pode adquirirse con normalidade a un prezo de 349 euros, abrindo a porta a creación de contidos de 360 graos dende os móbiles de alta gama de Samsung.
Esta curiosa cámara compatible cos smartphones Galaxy S7, S7 edge, S6, S6 edge, S6 edge+ e Note 5 conta cun dobre sensor CMOS de 15 Mpíxeles (cun obxectivo de ollo de pez dual cunha apertura f/2.0), o que permítelle xerar imaxes envolventes de 25,9 Mpíxeles e vídeo cunha resolución de 3.840 x 1.920 píxeles a 30 imaxes por segundo (empregando o codificador H.265), o que permite que poida reproducirse logo o escenario envolvente co móbil e uns lentes de realidade virtual como o cartón de Google ou as Gear VR.
Esta cámara esférica mide só 66,7 x 60,1 x 56,3 milímetros e pesa 152 gramos coa batería incluída, de xeito que pode resultar moi práctica para rexistrar escenas cotiás ou incluso actividades deportivas. Amais, a Gear 360 é compatible con Google Street View, de xeito que podemos capturar e publicar ao instante fotografías en 360 graos no visualizador de rúas de Google, e convidar aos amigos a que vexan a túa rúa.
Actualmente tanto YouTube como Facebook están a realizar avances para publicar contidos en vídeo en 360 graos, polo que cada vez hai máis contidos en tal formato, ao que claramente contribuirá a comercialización de trebellos coma este.

PUBLICIDADE