Chega a España a solución de Wi-Fi en malla Eero 6

mércores, 21 de abril do 2021 Marcus Fernández

Para evitar as zonas sen cobertura Wi-Fi no fogar xurdiron como unha boa solución as redes Wi-Fi en malla, na que os distintos repetidores que forman parte da rede comunícanse entre si para achegar sempre a conexión óptima aos usuarios, e Amazon é propietaria dunha das empresas pioneiras nesta tecnoloxía, Eero, que ten novos dispositivos no mercado español.
As novidades que incorpora ao seu catálogo Amazon en España son os Eero 6, ou sexa, a versión da solución de Wi-Fi mesh de Amazon con conectividade Wi-Fi 6, o que achega maior velocidade, maior rendemento e mellor cobertura aos dispositivos conectados (até máis de 75 dispositivos á vez), ao que hai que sumar a integración dun controlador de fogar dixital Zigbee, ou sexa, que elimina a necesidade de empregar un concentrador Zigbee adicional, simplificando as instalacións domóticas.
Esta solución para redes Wi-Fi é sinxela de instalar e controlar, contando incluso con numerosas funcionalidades para mellorar a seguridade da nosa rede doméstica. Dende hoxe pode adquirise o Eero 6 a un prezo de 149 euros (só o router) e de 299 euros (o router con 2 extensores para poder dar cobertura a vivendas de até 460 metros cadrados).
Con este lanzamento os Eero da xeración anterior baixan de prezo, podendo adquirirse o Eero básico por 99 euros e o Eero Pro por 169 euros, diferenciándose a versión Pro por ser tribanda (non existindo polo momento unha versión tribanda do Eero 6).

PUBLICIDADE