Chega a España o Nokia 113 por só 49 euros

xoves, 12 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Nokia anuncia hoxe que o seu novo terminal Nokia 113 chega a España como un móbil robusto, sinxelo, que permite estar conectado á Rede e que ten un prezo de venda estimado de só 49 euros, de xeito que acceder a servizos como Facebook ou Twitter xa non é monopolio dos smartphones, senón que é posible dende dispositivos máis modestos. Tamén facilita o acceso a servizos de mensaxería instantánea a través da aplicación eBuddy, que permite comunicarse con usuarios de MSN, Yahoo!, Messenger e Google Talk.
O Nokia 113 ten unha pantalla de 1,8 polgadas (cunha resolución de 160 x 128 píxeles), cámara VGA, lector de tarxetas de memoria microSD de ata 32 Gb, Bluetooth, conectividade de datos GPRS/EDGE con velocidades de ata 236,8 Kbps, sintonizador de radio FM (coa posibilidade de gravar da mesma),unha autonomía de 790 horas en espera e 7,8 horas en conversa, unhas medidas de 110 x 46 x 14,8 milimetros, un peso de só 77 gramos e está dispoñible en negro, azul, verde e rosa.
Pese a estarmos ante un móbil económico, tiveron a ben incluír durante este verán no mesmo 40 xogos de Electronic Arts de balde, valorados en 75 euros de mercarse por separado, entre os que figura títulos como Tetris, Need for Speed: The Run, Bejeweled, Monopoly Here & Now ou SimCity Deluxe (que poderán descargarse de Nokia Tienda durante 60 días dende a activación da oferta).

PUBLICIDADE