Chega a España o Nokia Lumia 925

venres, 28 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Esta mañá presentouse en sociedade para España o agardado móbil Nokia Lumia 925, un smartphone que toma como base o popular Lumia 920, pero reducindo o seu grosor e peso e engadíndolle un estilizado deseño metálico, buscando así agradar a un maior público, á vez que ofrece a mellor experiencia de uso que podemos acadar cun móbil con Windows Phone 8, grazas non só polo seu hardware, senón tamén polas aplicacións exclusivas que Nokia desenvolve para a súa familia Lumia.

O Nokia Lumia 925 incorpora novas funcionalidades no modo de Disparo Intelixente da súa cámara

O Nokia Lumia 925 é o primeiro móbil do mercado que chega coa vindeira actualización de Windows Phone 8, coñecida como Amber, que inclúe interesantes melloras e novidades, e que nos móbiles de Nokia destacará por novas posibilidades do modo de Disparo Intelixente da súa cámara, que aparte de interesantes funcións como mudar os rostros de fotografías en grupo para que todos os retratados aparezan ben ou eliminar obxectos que pasen por diante do que queremos fotografar, tamén conta agora con creativas fotografías en acción que prometen dar moito xogo nos vindeiros meses.
Este novo móbil, ao desprenderse da carcasa de policarbonato ten unha menor diversidade cromática que o Lumia 920, ofrecéndose só en negro, branco e gris, aínda que a carcasa externa que incorpora ao terminal a posibilidade de cargar a súa batería sen fíos está dispoñible en branco, negro, amarelo e vermello (o que permite que os usuarios que o así o desexen poidan gozar dun dispositivo menos sobrio).

O Lumia 925 é considerablemente máis lixero e delgado que o Lumia 920

A pantalla de 4,5 polgadas deste novo móbil ten unha resolución de 1.280 x 768 píxeles, que en vez de contar cun panel IPS como o Lumia 920 opta por un panel AMOLED, elemento que parece ter afectado claramente á súa autonomía, pasando de 10,8 a 12,8 horas de autonomía en conversa (3G) sen ter que incrementar a capacidade da súa batería interna nin sacrificar luminosidade na súa pantalla.
Tamén destaca a cámara frontal de 8.7 Mpíxeles, que grazas ao seu estabilizador óptico de imaxe convértese na mellor cámara para un dispositivo móbil, especialmente á hora de disparar fotografías con pouca luz ou gravar vídeo.
Este atractivo móbil continúa a gozar das aplicacións de Nokia como Nokia Música con Mix Radio (que facilita streaming musical de balde) ou o sistema de mapas HERE con navegación GPS (que mesmo ten voz en galego), servizos que contribúen a que Nokia sexa o fabricante líder de produtos con Windows Phone 8.
O lanzamento español do Nokia Lumia 925 chega co apoio de Movistar, Vodafone e Orange, operadores que queren ofrecer este atractivo terminal aos seus clientes, o que no caso de Orange quere aproveitarse para dar a coñecer a súa nova rede de telefonía 4G. Vodafone, pola súa banda, terá en exclusiva unha versión do móbil con 32 Gb de almacenamento interno (mentres que o resto terán que conformarse con 16 Gb, elemento que contribúe a que poida venderse a un prezo considerablemente menor ao do Lumia 920).
Sobre o prezo do novo smartphone, que debería poder adquirirse dende o vindeiro luns, Movistar ofrecerao a 580 euros (ou 24 mensualidades de 20 euros + IVE) destacando por promocionar este terminal cunha campaña televisiva; Vodafone pola súa banda permitirá adquirir por o terminal nas tarifas RED por 16 euros + IVE ao mes (o que sumaría un total de 464,64 euros); mentres que Orange agardará ao mes de agosto para ofrecer o móbil en 24 mensualidades de 14 euros + IVE (o que suma 406,56 euros). Ao parecer o Nokia Lumia 925 non estará dispoñible no mercado libre ata despois do verán (agás que se adquira a través de certas tendas en liña).

PUBLICIDADE