Chega a España o Samsung Galaxy M30s, un smartphone de gama media con batería de 6.000 mAh

xoves, 17 de outubro do 2019 Marcus Fernández

A un mes da súa presentación na India, xa temos en España o Samsung Galaxy M30s, un smartphone de gama media que conseguir gañar o favor dun bo número de consumidores por mor da súa xenerosa batería de 6.000 mAh coa que sería capaz de reproducir vídeo durante 29 horas seguidas ou falar por teléfono 49 horas cunha única carga. Amais, a batería está apoiada por carga rápida de 15 watts por USB-C e o seu peso queda nos 188 gramos, o que semella bastante contido para semellante tamaño de batería.
O Samsung Galaxy M30s ten unha pantalla Super AMOLED de 6,4 polgadas con resolución Full HD+ e unha pestana superior central con forma de U na que se agocha unha cámara frontal de 13 Mpíxeles, mentres que na traseira integra unha cámara tripla (con sensor principal de 48 Mpíxeles, grande angular de 8 Mpíxeles e cámara de profundidade de 5 Mpíxeles), así como un lector de pegadas dixitais. Funciona cun procesador Exynos 9611, 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de até 512 GB.
Este novo smartphone estréase no mercado español en exclusiva para Pure Players como Amazon, onde está dispoñible en cor negra, azul e branca por un prezo de 259 euros.

Vídeo promocional do Samsung Galaxy M30s

PUBLICIDADE