Chega a España o Samsung Watch Active

xoves, 21 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Samsung trae por fin ás tendas españolas o seu reloxo deportivo conectado, o Samsung Watch Active, un smartwatch fino e lixeiro pensado para axudar a levar unha vida saudable, para o que acompaña ao usuario como adestrador persoal, contando tamén con moitas outras funcións para o día a día (como a posibilidade de realizar pagamentos con Samsung Pay).
O Galaxy Watch Active incorpora melloras en todo o seu sistema de monitorización, de xeito que non se limita a rexistrar os progresos das rutinas de adestramento en máis de 39 tipos de actividades diferentes, senón que pode seguir a presión arterial, realizar un estudio do nivel de estrés e preparar un plan físico para o seu posterior seguimento.
Cómpre salientar que a principal novidade deste reloxo deportivo resistente á auga aínda non está dispoñible en España (xa que desbloquearase coa instalación da aplicación My BP Lab) e que permitirá dende o pulso realizar un seguimento da tensión arterial, o que pode ser unha magnífica ferramenta para controlar a nosa saúde a diario. A función de seguimento da tensión arterial enténdese que non está dispoñible polo momento xa que precisa da certificación de organismos sanitarios a nivel europeo (na mesma liña do que acontece coa función de electrocardiograma do Apple Watch, que tampouco funciona en España).
O Galaxy Watch Active ten unha pantalla circular Super AMOLED de 1,1 polgadas, conexión Bluetooth, resistencia á auga até 5 atmosferas, GPS, carga sen fíos e un grande catálogo de aplicacións, estando xa dispoñible a un prezo recomendado de 249 euros.

O Samsung Watch Active conta con numerosas aplicacións, esferas e correas, de xeito que tanto é unha boa ferramenta deportiva como un accesorio que encaixa no día a día do usuario.

PUBLICIDADE