Chega a Indiegogo unha pulseira conectada con son por transmisión ósea

luns, 2 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Unha nova pulseira de actividade quere facerse un oco no mercado a través dunha campaña de micromecenado en Indiegogo, incorporando funcións innovadoras máis propias dun smartwatch como reclamo. Esta pulseira chamada Get pretende converterse en realidade en abril, tendo que aboar os mecenas que desexen un destes dispositivos a partires de 199 euros (aínda que contan con deseños por volume, de xeito que 10 pulseiras custarían 1.099 euros).
Pero, que ten de innovador esta pulseira conectada? Non falamos dun accesorio que simplemente monitoriza a actividade física, senón que tamén integra NFC para poder realizar pagamentos móbiles con comodidade (incluso integra un lector de pegadas dixitais), aproveita a vibración para notificar ou incluso indicar cara a onde temos que dirixirnos, recoñece xestos e, como detalle sorprendente: integra tecnoloxía de son por transmisión ósea. Deste xeito podemos aproveitar a pulseira para interactuar co nosos asistente de voz favorito (Alexa, Siri ou o Asistente de Google) e incluso poder escoitar a resposta de xeito privado premendo cun dedo sobre o ouvido, funcionalidade que tamén pode aproveitarse para escoitar contido sonoro e responder a chamadas telefónicas.
A pulseira Get incorporará conectividade Bluetooth 5.0, Wi-Fi, NFC e carga sen fíos (pode cargarse nunha hora e a súa autonomía chegaría até os 5 días).
Un dos detalles máis curiosos deste proxecto é que xa trunfou o pasado verán en Kickstarter, e aínda que os seus responsables levan un ritmo de comunicación realmente lento (que incluso fixo temer polo posible abandono do proxecto), aseguran ter recibido fondos da Unión Europea a través do programa de aceleración SmartEEs, polo que a solvencia do proxecto parece asegurada, aínda que cómpre lembrar que neste tipo de iniciativas é pouco frecuente cumprir cos prazos de entrega prometidos.

Vídeo promocional da campaña de Get en Kickstarter

PUBLICIDADE