Chega ás plataformas o disco Xela de Clara Pino e Pablo Vidal, en colaboración con Política Lingüística
venres, 3 de decembro do 2021
As
celebracións da poeta Xela Arias, homenaxeada na edición 2021 do
Día das Letras Galegas, seguen aínda activas nesta recta final de
ano. Sen ir máis lonxe, este
2 de decembro desenvolveuse unha das máis relevantes: a presentación
do disco Xela, o último traballo de estudo dos músicos
Clara Pino e Pablo Vidal. Os temas están xa dispoñíbeis nas
plataformas, no Spotify
ou tamén en Amazon
Music, amais de en formato físico. No Facebook
dos ditos artistas podemos atopar unha chea de datos sobre como foi
collendo forma o proxecto ao longo destes meses.
Trátase
dunha contribución musical que conta coa colaboración da Xunta, a
través de Política Lingüística, e que consiste nunha escolma de
cinco cancións que os artistas foron materializando sobre os poemas
de Xela. Na cita, celebrada no Auditorio Xosé Neira Vilas da Cidade
da Cultura, participaron Darío Gil, fillo de Xela, familiares e
amigos da homenaxeada, os músicos Clara Pino e Pablo Vidal e mailo
secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Na
presentación, García salientou que esta contribución musical chega
agora agora a nós neste último treito de 2021, poñendo un
inmellorábel punto e final a un ano no que se foron publicando
diferentes iniciativas para divulgar “entre o gran público a
orixinalidade e o enorme interese da obra desta poeta”. Neste
senso, Valentín García mostrouse convencido de que partir de agora
Xela Arias “será unha autora de referencia para moita máis xente
e todos os anos serán, dalgún xeito, o seu ano”.
Despedindo
o ano de Xela
García
destacou que “a menos de 30 días de despedir o ano de Xela Arias,
a Xunta de Galicia segue promovendo a apoiando iniciativas que gaban
a figura da autora de Intempériome”. Unha das últimas é o
traballo acabado de presentar no Gaiás no que se compilan as
cancións que Clara Pino (amiga da universidade da poeta), e Pablo
Vidal foron compoñendo a raíz dos poemas Irás dirás virás,
Non me conteño, Borracho, Teremos, terás e Trouxen augamel
para agasallarte, da autoría de Arias.
Neste
marco, García recordou que o Goberno galego prevé aínda máis
celebracións antes de pechar o ano, como a inauguración da última
parada da exposición Asinamos ser libres, na Fundación
Curros Enríquez, onde estará aberta ao público ata o vindeiro 17,
ou a presentación dos XLIV Cadernos Ramón Piñeiro. Celebración
de Xela Arias Intempériateme. Sobre a dificultade de
traducírmonos, tamén o venres 17 no Museo do Mar de Galicia, en
Vigo.
Os
artistas
Clara
Pino é unha arpista e cantante viguesa que compaxina o seu labor
como docente coa creación musical. Entre os seus traballos
discográficos cabe destacar Sete saias, Loaira, Un dedo manchado
de tinta ou Nowhere.
Pola
súa banda, Pablo Vidal é un instrumentista, compositor e produtor
cunha longa traxectoria que abrangue diferentes escenas musicais,
desde o jazz ou o rock ata a música orquestral ou infantil, con
constantes colaboracións con outros artistas. Xela é o seu segundo
traballo conxunto con Clara Pino.