Chega o Guitar Hero 5 ás tendas españolas

venres, 11 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Hoxe chega ás tendas españolas o xogo Guitar Hero 5, con 85 temas musicais incluídos entre os que hai dende clásicos do rock ata grandes éxitos dos últimos anos, permitindo combinar distintos instrumentos (guitarra, baixo, batería e voz) ao gusto do xogador e incluso permitindo meterse na pel de personaxes xogables coma Kurt Cobain (Nirvana), Johnny Cash, Carlos Santana, Shirley Manson (Garbage) e Mat Bellamy (Muse), polo que podemos asegurar que estamos ante un paso máis do que Activision xa acadou co seu anterior Guitar Hero World Tour, pero que nesta ocasión terá que competir con The Beatles: Rock Band, que tamén saíu á venda esta semana, aínda que a comparación é demasiado dispar, e posiblemente sexa o futuro Band Hero (xogo musical de Activision que chegará antes de rematar o ano, e que orientarase á música pop) o que debería baterse co xogo do cuarteto de Liverpool (que por outra banda só inclúe 45 temas musicais).
Para celebrar o lanzamento do Guitar Hero 5, Activision intentará bater o record Guinness de maior número de persoas xogando ao Guitar Hero nunha sesión de 24 horas que terá lugar na madrileña tenda GAME da rúa Preciados, dende as 12:00 horas do venres ata ás 12:00 do sábado.

PUBLICIDADE