Chega o V certame Galetiktokers con 1.800 euros en premios para a rapazada
luns, 14 de outubro do 2024
Novamente os departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames organizan o certame Galetiktokers, unha oportunidade para que a mocidade se sume á creación de novos formatos e contidos co galego como marca de identidade. As pezas audiovisuais que concursen, creadas seguindo o estilo da rede social TikTok, optarán a un total de 1.800 euros, repartidos en seis premios.
O Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acolleu este 14 de outubro a presentación da quinta edición do certame Galetiktokers. Ao acto asistiron a concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto; e Rosa Moreiras, Raquel Barbeito e Pili Villaverde, técnicas dos departamentos de Normalización Lingüística e de Mocidade. Durante a presentación estiveron acompañadas polo alcalde de Ames, Blas García; a creadora de contido Nuria Gandío López e representantes da empresa Xurdir.
A técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, destacou que “hoxe presentamos a quinta edición dun certame xa consolidado no concello, e moi agardado polos centros de ensino, que xa se puxeron en contacto con nós para saber cando abría a convocatoria. Isto dá mostra de que Galetiktokers é referencia entre a mocidade tanto de Ames como da contorna”. Así mesmo, explicou que este ano houbo cambios nas categorías: “Este ano amplíanse as idades das categorías. A primeira abrangue dos 13 aos 17 anos, e a segunda dos 18 aos 35”.
Pola súa banda, a concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto, salientou que “o pasado venres a RAG publicaba uns datos moi preocupantes, que amosaban que xa se fala máis castelán que galego na nosa comunidade. Hoxe presentamos a quinta edición dun concurso que nace precisamente para incentivar o uso da nosa lingua entre a mocidade en todos os ámbitos da vida, incluso na contorna virtual”. Ademais, fixo referencia ao talento galego presente nas redes: “Nesta edición contamos con grandes creadores de contido galego como son @konachadas e Rodri Míguez, que presentarán a gala; Orgullo Galego, que impartirán os obradoiros nos institutos; e o rapeiro Big Meu, que actuará durante a gala do 23 de novembro”.
Nuria Gandío López, @konachadas, que será unhas das presentadoras da gala do concurso e membro do xurado, expuxo que “é un orgullo poder participar neste certame e agradezo moito que contasen comigo. Ese tipo de iniciativas gústanme moito porque, ao final, son moi necesarias para impulsar o noso idioma. Hai quen di que o galego nas redes pecha portas, pero penso que é todo o contrario; dá un punto de diferenciación que é moi atractivo para moitos usuarios”.
Pechou o acto o alcalde de Ames, Blas García, quen salientou que “este é un certame creado polo Concello fai cinco anos e que esperamos seguir desenvolvendo por moito tempo. Hoxe en día estamos máis convencidos que nunca da necesidade de apostar por proxectos coma este. Que en 2024 o galego non sexa a lingua máis falada en Galicia ten que facernos pensar a todos, á sociedade, á cidadanía e, sobre todo, ás administracións”.
Categorías, premios e xurado
No certame poden participar mozos e mozas a partir dos 13 anos, repartidos en dúas categorías en función da idade. A primeira categoría inclúe á rapazada dos 13 aos 17 anos (ambas as idades incluídas) e a segunda engloba a mocidade a partir dos 18 anos. Ao igual que na anterior edición, pode participar calquera persoa, sen ter que ser veciño ou veciña do concello.
De novo, o certame repartirá seis premios de 300 euros. Catro dos premios decidiraos un xurado formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais, mentres que os outros dous serán escollidos polo público, que votará premendo gústame nos vídeos subidos ao perfil de Instagram de Xuventude Ames Xa! (@xuventudeames). Deste xeito, cada categoría recibirá tres galardóns: dous do xurado e un do público.
Características e condicións dos vídeos
Os vídeos creados para o V Galetiktokers teñen que estar en lingua galega, e deben ser de creación propia a través da aplicación TikTok ou da sección Reels de Instagram, cunha duración de entre 15 e 60 segundos. Será obrigatorio que a lingua teña presenza, xa sexa de xeito oral, escrito ou musical.
A temática é libre, polo que terán cabida no concurso pezas relacionadas coa música, co humor, co baile, coa interpretación, co deporte ou con calquera outro tema. Non se admitirán vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.
Para participar no certame, cómpre enviar ao enderezo electrónico galetiktokers24@gmail.com a seguinte ficha de participación cuberta e asinada, ademais do propio vídeo que se presenta no concurso. O prazo de inscrición rematará o 4 de novembro de 2024. A organización comprobará que se cumpren os requisitos e validará a inscrición a través dun correo de confirmación.
Todas as pezas admitidas subiranse ao perfil de Instagram de Xuventude Ames Xa! (@xuventudeames), co cancelo #galetiktokers. O prazo de votación para determinar os premios do público será unicamente de dous días, das 11:00 horas do 6 de novembro ás 11:00 horas do 8 de novembro. Neste período contabilizaranse os gústame nas publicacións no perfil de Instagram de Xuventude Ames Xa!, do que fará falta ser seguidor ou seguidora para votar.
Como actividade complementaria da celebración do certame, realizaranse dúas xornadas de formación nos centros de ensino secundario de Ames, co obxectivo de explicarlle ao alumnado o contido do concurso, dar a coñecer a creadoras e creadores de contido en galego en TikTok, e facer unha tormenta de ideas para impulsar a creatividade entre a mocidade.
A formación correrá a cargo dos creadores de contido e tiktokeiros de @orgullo.galego, que estarán no IES do Milladoiro e no IES de Ames.