Chega ó mercado español Final Fantasy III para Nintendo DS

xoves, 3 de maio do 2007 Raquel Noya

Xa dende finais do pasado ano, Proein viña anunciando o lanzamento europeo de Final Fantasy III para Nintendo DS, a adaptación á consola portátil do máis descoñecido dos capítulos da saga de xogos de rol de Square Enix. O xogo, por primeira vez e logo de 17 anos de espera, chega a España mañá venres 4 de maio, nunha versión renovada, aínda que cun estilo gráfico e unha xogabilidade que nos lembra ó inmortal Final Fantasy VII.
É de agradecer que manteña o inconfundible selo da saga (encontros, desencontros, naves aéreas...) ó tempo que aproveita divinamente a dobre pantalla pero o certo é que as posibilidades táctiles da DS tenas moi pouco explotadas e deixan que desexar.
Unha das características máis salientables deste título é que fai uso das funcións Wi-Fi da DS por medio dun servizo de mensaxeiría coordinado por moguris, ó igual que o FFIX (un dos capítulos ó que máis lle debe este remake).
Tamén permite enviar mensaxes a amigos que estean tanto a tiro de pedra coma na outra punta do planeta, ou (a falta deles), permite cartearnos cos PNJs do xogo (o cal non ten moito xeito pero pode ser divertido).
Como calquera outro xogo que se prece, o Final Fantasy III saíu en Xapón o pasado 26 de abril, e na primeira semana logrou vender máis de 300.000 unidades, unha cifra que (supoñemos) non ha de andar lonxe en occidente, posto que no sitio dun simple port, Square Enix case refixo o xogo aproveitando a potencia da consola, e conservando só o estilo dos personaxes e o argumento (con lixeiras modificacións non transcendentais para afacelo ós novos tempos); así que o que non teña a DS que vaia aforrando (ou que a pida polo aniversario) porque este xogo é dos que xustifican a súa compra.

PUBLICIDADE