Chema de la Torre, novo director de Tecnoloxía de Coremain

xoves, 7 de agosto do 2014 Redacción

A galega Coremain anunciou estes días unha nova e importante incorporación ao seu equipo directivo. Trátase do nomeamento de Chema de la Torre como novo director de Tecnoloxía da compañía TIC, até o de agora máximo responsábel de Discalis, empresa que recentemente xuntou forzas con Coremain para comezar unha andaina en común. En palabras de Coremain, “con este nomeamento péchase deste xeito o proceso de adquisición da liña de negocio do sector de telecomunicacións de Discalis por parte de Coremain, un acordo no que se inclúe a incorporación de Chema la Torre ao comité de dirección e consello de administración da consultora”.
Lembrar que Chema de la Torre é enxeñeiro informático e desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional no ámbito das TI. Inicialmente estivo ligado profesionalmente a Comunitel Global até que esta compañía foi adquirida por Vodafone, no ano 2009, momento no que decidiu adicarse por completo aos seus propios proxectos empresariais. “A súa traxectoria profesional está marcada polo seu carácter emprendedor”, informa Coremain, que engade en que en 2005, con 25 anos, fundou a súa primeira empresa no sector das tecnoloxías de información. Desde ese ano, creou distintas empresas tanto TIC, como é o caso de Discalis da que é único socio e director xeral, como doutros sectores (hostalaría, servizos...) ocupando en todas elas postos de relevancia, como director xeneral ou conselleiro das mesmas.
Discalis inicia a súa actividade no 2006 e especializouse no sector das telecomunicacións; até a data veu prestando estes servizos a distintas operadoras, directamente ou a través doutros integradores e afianzouse cun EBITDA ascendente de 2 díxitos, desde pouco despois da súa creación. A compañía foi dirixida por Chema de la Torre desde a súa constitución.
Coremain conclúe que “a alianza establecida entre ambas as empresas responde á estratexia de especialización sectorial pola que apostou Coremain desde a incorporación de Luís Álvarez Sestelo, como máximo responsable da compañía”. O acordo, sinala, favorece especialmente ao negocio orientado ao sector das telecomunicacións, no que Discalis achega máis de 10 anos de experiencia en xestionar proxectos nacionais e internacionais.
Cifras
As cifras de peche do primeiro semestre de 2014 son un agoiro positivo para Coremain. Segundo detallan fontes da empresa con sede no Polígono de Costa Vella de Santiago, os números non fan máis que “confirmar que o camiño cara a especialización sectorial iniciado pola compañía resultou ser o correcto”. A consultora pechou xuño cuns ingresos acumulados de case 8 millóns de euros e un medre continuo na cifra de EBITDA que pasa do 8% co que pechou 2013, a un 11% no que vai de 2014.

PUBLICIDADE