Chips en po de Hitachi con tecnoloxía RFID

xoves, 15 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Mentres andabamos a ollar para películas como Días estraños ou Doce monos, tentando albiscar futuros de tecnoloxía en maior ou menos medida sorprendente, a vida cóllenos unha vez máis por sorpresa para lembrarnos unha vez máis que a realidade non ten nada que envexar á ficción. É dicir: o futuro está aquí, petando nas portas da nosa casa, ou do noso galpón. Polo menos, esta é a idea que se nos vén ós miolos cando vemos o que sacou estes días Hitachi de embaixo do pulso: chips con tecnoloxía RFID de 0,05 x 0,5 milímetros. Ou sexa: como pequenas partículas de po desas que fican suspendidas no ar.
A súa función está aínda por determinar, xa que Hitachi limítase a desenvolver a tecnoloxía e a poñela a disposición de quen queira pagar por ela. Porén, ós pesimistas sempre nos pode tanta educación cinematográfica e literaria apocalíptica e non podemos deixar de pensar en que están feitos para que alguén (por exemplo gobernos terroristas que na teoría andan a traballar pola paz, e todos sabemos a quen sinalamos co dedo) nolas poña no licor café co fin de seguir o noso paradoiro. Esta tecnoloxía vímola en Gizmodo, onde semella que tamén lles pode tanta cinematografía perniciosa.

PUBLICIDADE