Cisco presenta o seu novo amplificador de rede Wi-Fi para o fogar

xoves, 1 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

A compañía Cisco segue a traballar para favorecer, no fogar de cada quen, un acceso pleno e o máis cómodo posíbel ao coñecemento. Nesta liña sitúase o produto Linksys RE1000, unha das grandes novidades recentes da multinacional en materia de tecnoloxía libre de máis infraestrutura e equipamento. De feito, trátase dun amplificador da rede sen fíos, que non precisa ser enchufado a ningún outro trebello e que se presenta “especialmente axeitado para os usuarios que teñan pouca cobertura Wi-Fi na súa casa e queiran ampliala”.
Con isto, informa Cisco, non só se consigue unha meirande mobilidade no fogar (rómpese a dependencia ás zonas de maior cobertura) senón que tamén se achega a posibilidade de conectar tódolos dispositivos con cable, como un televisor ou un reprodutor de Blu-Ray con internet, á rede sen fíos mediante o porto ethernet integrado no aparello de Cisco. Este, por certo, é compatíbel con dispositivos Wi-Fi b/g/n e inclúe funcións para axustarmos a distancia axeitada de emprazamento para acadar a mellor cobertura e rendemento posíbel. Asemade, podemos conectar o trebello directamente á toma da parede ou ben instalalo noutro lugar grazas ao cable prolongador.

PUBLICIDADE