Código Cero, mención de honra dos Premios INNOVA-G que se entregan este venres

xoves, 13 de outubro do 2011 Redacción

O xurado dos Premios INNOVA-G vén de resolver concederlle unha das Mencións de Honra dos devanditos galardóns, destinados a recoñecer o traballo galego ben feito en materia TIC, ao Grupo Código Cero Comunicación, responsábel, entre outras cousas, desta páxina web e máis da revista mensual do mesmo nome, dous medios dende os que se trata de dar conta, de xeito accesíbel, da realidade tecnolóxico-dixital da nosa terra. As razóns deste recoñecemento, que o equipo desta empresa agradece encarecidamente, veñen dadas sobre todo polo noso esforzo a prol do afianzamento da Sociedade da Información, poñéndoa en relación directa coa realidade galega e facendo fincapé no seu significado, nas súas vantaxes e en todo o que pode facer para mellorar a calidade de vida da nosa cidadanía. En definitiva, que vén dado en boa medida pola nosa loita contra a fenda dixital.

Edición de 2010 dos Premios INNOVA-G

Tal e como sinala o xurado, recibimos o galardón porque ao longo da nosa andaina (dez anos de vida da web codigocero.com e case unha década da revista mensual do mesmo nome, cousa que por certo imos conmemorar en breve) non deixamos en ningún intre de contribuír a que se coñeceran na nosa terra e no mundo as nosas empresas, entidades, produtos, servizos e proxectos TIC. A entrega deste galardón materializarse este venres 14 a partir das 12.00 horas na sede de NovaCaixaGalicia, emprazada na rúa do Vilar en Compostela.
Cómpre lembrar que os premios INNOVA-G veñen da man da Asociación Galega de Empresas TIC, AGESTIC. A convocatoria, a segunda, deuse a coñecer o pasado mes de setembro. Os Premios INNOVA-G celébranse para recoñecer o talento e a valía das nosas empresas tecnolóxicas e emprendedores, e que este ano medrou en candidaturas e calidade das mesmas.
Estes galardóns non só lle serven ás firmas que se presentan para dar a coñecer os seus produtos e servizos á sociedade, senón tamén, e sobre todo, para que se recoñeza a súa humilde contribución ao desenvolvemento da Sociedade da Información na nosa comunidade.
Ao mesmo tempo, trátase dunha gran oportunidade para descubrir empresas galegas cun potencial incrible, emprendedores tecnolóxicos cunhas calidades exemplares, servizos cunhas prestacións inmellorables ou aplicacións desenvolvidas por firmas do país que nos poden axudar en materias tan dispares como a educación, a saúde, o lecer ou a cultura...
Xa que logo, as categorías desta edición, un total de sete, abranguen ámbitos moi amplos e moi dispares, que van dende a Mellor start-up galega ata a Mellor campaña social media, pasando pola Mellor aplicación para dispositivos móbiles.

PUBLICIDADE