Colle impulso Agora.gal, revolucionario agregador de contidos da Rede en galego

luns, 6 de xullo do 2020 Redacción

A Rede galega non descansa, nin sequera nun período tan complexo dende o punto de vista social, económico e sanitario como este que estamos a vivir. Sen ir máis lonxe, este mes de xullo colle impulso unha nova iniciativa galega online, o sitio Agora.gal, unha iniciativa de agregación de contidos cuxo obxectivo é “xuntar nun mesmo portal o mellor da Internet en galego”, un eido de actividade que, segundo destacan os impulsores da plataforma, converteuse nun fervedoiro de medios e blogs que atesouran gran calidade e reflicten as temáticas máis diversas. Para dar conta deles e do seu traballo, achegándoo á comunidade lectora, nace Agora.gal.
“Coa creación do agregador”, explican David Fontán e Isaac González, “a nosa intención é facilitar as cousas aos lectores, que poderán acceder desde a mesma páxina a boa parte do mundo online en galego, e máis dar un apoio aos proxectos que apostan pola comunicación en galego, xa que Agora.gal permitiralles aumentar a súa visibilidade e posicionamento xerando tráfico para as súas propias webs”.
O sistema funciona do seguinte xeito: cando se publica un artigo nun dos blogs ou medios asociados a Agora.gal, este aparece automaticamente (aínda que suxeito a revisión) na devandita web, organizado nalgunha das seguintes seccións: Cultura, Divulgación, Deporte, Tendencias, Culinaria ou Humor. Ao mesmo tempo, o artigo é compartido a través das contas de Agora.gal en Twitter e outras redes sociais. “Así”, explican, “cando alguén abre a ligazón en cuestión, o noso portal rediríxeo á páxina na que foi publicado orixinalmente”.
Os responsábeis do agregador aproveitan a presentación do mesmo para facer un chamamento aos medios e blogs interesados en partillar os seus contidos para que apostan de cheo pola iniciativa, un proxecto colectivo que contribuiría a facer máis rica a Internet galega e, sobre todo, a que os elementos que a integran estean máis localizábeis, visíbeis e próximos.

PUBLICIDADE