Comeza a recuperación da PlayStation Network

luns, 16 de maio do 2011 Marcus Fernández

Tras unha longa espera, este domingo Sony anunciou que vén de iniciar a restauración da PlayStation Network, de xeito que xa é posible conectarse a esta plataforma para xogar en liña, pero aínda non está totalmente operativo o sistema (moitos servizos están a restaurarse paulatinamente) nin está a funcionar con toda a normalidade que sería desexable.
Os usuarios de PlayStation 3 que desexen volver a conectar coa PSN deberán instalar a versión 3.61 do seu firmware (a 6.38 no caso da PSP), que forza a mudar o contrasinal (dende a propia PS3 dende a que se activou a conta de usuario) como medida de seguridade, aínda que a vaga de usuarios intentando facer tal provocou unha caída do sistema, en boa medida polas mensaxes de verificación da conta de correo electrónico empregada para identificarse no sistema.

Kaz Hirai anunciou o comezo do reestablecemento da PSN
Resulta sorprendente que, pese a que dende EE.UU. e Europa xa se poida xogar en liña coa PS3, no Xapón o Goberno non aceptou o restablecemento do sistema antes de que poñan en funcionamento todas as medidas de seguridade prometidas por Sony, o que resulta un tanto preocupante, pois dá a impresión que somos menos esixentes no que á seguridade das redes se refire.
Os sistemas de xogo en liña de Sony Online Entertainment (SOE) do que dependen varios xogos masivos multixogador como DC Universe Online tamén está a seguir os pasos da PSN, e está a restaurarse cun reforzo da súa seguridade. Os usuarios de SOE recibirán como compensación 30 días de xogo de balde aos que habería que sumar tantos días como os que o servizo estivo pechado (45 días en total) xunto con 500 unidades de Station Cash nas súas contas e, no caso de teren unha subscrición vitalicia, recibirán 7.500 créditos galácticos en Clone Wars Adventures, 20.000 moedas en Free Realms e 10 marcas de distinción en DC Universe Online. Existen moitas outras compensacións en función dos distintos xogos que operan en SOE.
As compensacións para usuarios da PlayStation Network aínda non concretouse totalmente, comentándose que nun principio incluiría 30 días de PlayStation Plus de balde e un par de xogos descargables a elixir entre un reducido catálogo.

PUBLICIDADE