Comeza a súa andaina a aposta estatal do Grupo Euskaltel baixo a marca Virgin Telco

mércores, 20 de maio do 2020 S. P.

O Grupo Euskaltel, do que forma parte a compañía galega R, comezou este mércores 20 de maio o seu espallamento nacional alén do seu ámbito tradicional de actividade no terzo norte da Península: Euskadi (a través da marca Euskaltel), Asturias (a través de Telecable) e Galicia (a través de R). A marca coa que vai operar a nivel estatal, Virgin Telco, irrompe no mercado un ambicioso obxectivo de negocio: abranguer o 85% do mercado español no que aínda non está presente.
José Miguel García, conselleiro delegado do Grupo Euskaltel, no que está integrado o operador galego R, presentou este mércores en rolda de prensa os primeiros pasos da compañía como operador nacional, un operador “disposto a competir no mercado das telecomunicacións mediante unha oferta de servizos avanzados de calidade, baixo unha marca de recoñecido prestixio”, dixo, poñendo en valor os máis de 20 anos de experiencia do grupo e os 800.000 clientes que depositan nel a súa confianza.
“Este paso”, dixo, “supón un fito histórico para a compañía, que ve cumprido así o obxectivo de ofrecer os seus servizos avanzados de telecomunicacións a todo o mercado español”. O Grupo Euskatel, que sería o único operador estatal descentralizado (que ten o seu centro de decisión fóra de Madrid, “mantendo o seu arraigamento cos territorios onde comezou a súa andaina”), mostrou a súa previsión de conseguir en cinco anos que o 40 % dos ingresos totais procedan do negocio correspondente a Virgin Telco, isto é, uns 520 millóns de euros.

Vídeo promocional de Virgin Telco

PUBLICIDADE