Comeza a venderse o Asus Eee PC 900

mércores, 16 de abril do 2008 Marcus Fernández

O novo Eee estrearase nas tendas de Hong Kong

Asustek comezará a vender o seu novo Eee PC 900 o vindeiro sábado en Hong Kong, que non se limitará a comercializarse no mercado asiático, senón que tamén chegará a Europa, aínda que de xeito paulatino.
O novo modelo do revolucionario Eee (o equipo de referencia nos ultraportátiles) ten unha pantalla de 8,9 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, procesador Intel Mobile, 1 Gb de RAM, Wi-Fi, webcam de 1,3 Mpíxeles, lector de tarxetas SDHC, 3 portos USB, saída de VGA, Ethernet, touchpad multitáctil (prestación que adiantara o MacBook Air), unhas dimensións de 22,5 x 17 x 2-3,38 centímetros e un peso de só 0,99 quilogramos, e terá prezos de entre os 247 e os 408 euros segundo prestacións.
Poderase adquirir con disco de memoria sólida de 12 ou 20 Gb e con Linux ou Windows XP preinstalado.
Este novo equipo chegará o día 19 a Hong Kong e presumiblemente tamén no Reino Unido, e durante os seguintes días chegaría a Francia, Taiwán e Singapur, tendo que agardar Australia, Alemaña e Italia ata o mes de maio. No resto de Europa non hai datas estimadas de comercialización.

PUBLICIDADE