Comezou en Boiro un curso sobre mercadotecnia dixital impulsado por Paideia, a EOI, a Deputación e o Concello

luns, 20 de setembro do 2021 S. P.

Este 20 de setembro arrincou en Boiro un programa formativo sobre novos e innovadores xeitos de emprender, botando man das máis avanzadas tecnoloxías e, tamén, das metodoloxías colaborativas e abertas de meirande proxección. Trátase do programa Marketing Dixital, Empregabilidade e Cooperativismo, que se desenvolve até decembro no Centro de Formación e Viveiro de Empresas de Espiñeira do Concello de Boiro impulsado pola Fundación Paideia, co apoio da EOI e a Deputación da Coruña. O concelleiro de Comercio e Industria, Marcos Fajardo, participou na primeira xornada do curso xunto co vicepresidente de Paideia, Guillermo Vergara.
O programa formativo, que inclúe titorías personalizadas, é un curso para mozos e mozas desempregados, menores de 30 anos, centrado na mercadotecnia dixital e tamén en fórmulas de traballo cooperativo, ámbitos nos que poderán dar forma ao seus proxectos finais (logo de 250 horas de capacitación). O proxecto máis destacado de todos os realizados durante o programa vai recibir apoio durante un ano para a súa posta en marcha, incluíndo os gastos de constitución e os salarios. A formación está destinada a mozos e mozas desempregados de entre 18 e 29 anos e vaise realizar no Centro de Formación e Viveiro de Empresas de Espiñeira entre os meses de setembro e decembro, de luns a venres en horario de 10.00 a 14.00 horas. O curso é gratuíto e comezou hoxe con 13 alumnos inscritos, polo que aínda quedan algunhas prazas vacantes. As persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto coa Fundación Paideia.

PUBLICIDADE