Como ser mellores profesionais TIC, ao detalle o día 12 nunha xornada do CPEIG

mércores, 4 de decembro do 2019 Redacción

O vindeiro 12 de decembro o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai organizar unha conferencia “inspiradora e motivacional” titulada Todo se puede entrenar e centrada nas vantaxes multireccionais (para nós, para a nosa empresa, para o noso equipo de traballo) do adestramento profesional en clave colaborativa e buscando un uso racional e positivo das novas tecnoloxías. Trátase dunha sesión de coaching impartida polo coñecido adestrador de tenis Toni Nadal. Será no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en Santiago de Compostela, ás 20 horas, organizada polo Colexio e patrocinada por diversas empresas do sector TIC.
Segundo informa o CPEIG acerca dos obxectivos da xornada, esta xirará arredor da utilidade de reflexionar e establecermos novas metas e propósitos profesionais, “respectando o uso ético das novas tecnoloxías, sempre a favor das persoas, a igualdade e a mellora da calidade de vida”. Na súa intervención, o que fora adestrador do gran Rafa Nadal fará un repaso a todos os principios que inspiran o seu método de éxito, comezando pola defensa da formación do carácter fronte á formación técnica, como piar indispensábel do triunfo: “Todo o que facilita as cousas en exceso, debilita, e isto é o que acontece hoxe coas tecnoloxías, que substituíron a parte esencial do ser humano, que é a súa mente”.

PUBLICIDADE