Completan o desenvolvemento de Fallout 3

venres, 10 de outubro do 2008 Marcus Fernández

A prensa especializada saíu da pasada edición da feira E3 coa impresión de que o mellor xogo que alí se presentara fora Fallout 3, considerado como toda unha sorpresa para os asistentes, que non agardaban un título de tan bo acabado, e Bethesda anunciou onte que o seu xogo xa estaba rematado para o seu lanzamento nos EE.UU. o vindeiro día 28 (chegando 2 días despois a España) pero sorprendentemente a versión definitiva en inglés para Xbox 360 (o xogo tamén sairá para PS3 e PC) apareceu en redes de intercambio de ficheiros na Internet converténdose na segunda filtración máis importante do ano (trala de Grand Theft Auto IV).
Nos últimos meses se vén repetindo este tipo de filtracións con demasiada frecuencia, e así títulos como Saints Row 2, LEGO Batman, Fracture, El Poder de la Fuerza ou Pure chegan a moitos usuarios antes de chegar ás tendas, danando especialmente ás vendas iniciais dos xogos e frustrando aos consumidores que se molestan en reservar os seus títulos favoritos para ver como outras persoas os xogan antes sen pasar por caixa.
As desenvolvedoras de videoxogos van ter que coidar máis a seguridade dos seus produtos antes do seu lanzamento oficial para que a copia de xogos non se converta nunha práctica xeneralizada (ou o reclamo de xogar a un título antes de que chegue ás tendas é demasiado tentador).

PUBLICIDADE