Complétase con éxito o financiamento para o novo xogo de loita de Shaquille O’Neal

mércores, 7 de maio do 2014 Marcus Fernández

Hai un par de meses sorprendía un proxecto de micromecenado intentando recuperar o xogo Shaq Fu de 1994, considerado como un dos peores xogos de loita da historia, pero aproveitando a ocasión para desenvolver un título que só conservaría co orixinal o seu xénero e o seu protagonista, o xogador de baloncesto Shaquille O’Neal, pois dende Big Deez Productions querían facer un xogo de calidade e bastante completo, para o que buscaban xuntar 450.000 dólares, reto que veñen de superar, acumulando 473.884 dólares para facer posible Shaq-Fu: A Legend Reborn.
Os mecenas desta campaña non só podían adquirir copias en formato físico ou descargable do xogo, senón tamén edicións especiais como un cartucho dourado de Super Nintendo asinado por Shaquille O’Neal, decorado como se contivese o xogo, carteis, camisetas, introducir a propia voz no xogo, unha mensaxe de voz gravada persoalmente por Shaq, balóns de baloncesto asinados, a posibilidade de contribuír á música do xogo, figuras asinadas, mensaxes de vídeo personalizadas gravadas por Shaq, pór a nosa cara a un personaxe do xogo e incluso participar en distintos eventos (festas, ceas, programas de televisión...) xunto a O’Neal en persoa.
Aínda que o xogo estaba previsto inicialmente só para ordenadores persoais, finalmente os desenvolvedores comprometéronse a preparar tamén versión para PS4, PS3, Xbox One, Xbox 360, e Wii U, facendo que este título poida estar ao alcance de moitos máis xogadores potenciais, que terán ante si un xogo que definen como unha mestura de Street Fighter, Streets of Rage e Devil May Cry, con innumerables movementos e técnicas, milleiros de inimigos, ducias de armas, xefes finais en areas dinámicas, golpes finais e incluso a posibilidade de gozar de modos competitivo e cooperativo do seu multi-xogador.


Vídeo promocional da campaña de micromecenado de Shaq Fu: A Legend Reborn

PUBLICIDADE