Confirman a sanción de 5.000 millóns de dólares a Facebook

mércores, 24 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Medidas que adoptará Facebook no marco do acordo pechado coa FTC

Hai un par de semanas The Wall Street Journal adiantou que Facebook podería ter que facer fronte a unha importante sanción da Comisión Federal de Comercio (FTC) dos EE.UU., o que finalmente confirmou a compañía de Mark Zuckerberg, á vez que detalla outras condición do acordo acadado, que non se limita a unha sanción de 5.000 millóns de dólares, senón que tamén obriga á adopción de certas medidas para protexer a privacidade dos usuarios.
Baixo o acordo acadado Facebook comprométese a coidar a privacidade en cada un dos seus produtos, de xeito que contará con proteccións a cada paso e medidas de vixilancia e control. Terán que realizar informes detallados cada trimestre para verificar que cumpren co acordado (facendo que a responsabilidade non se perda baixo o escudo corporativo e o propio Zuckerberg teña que asinar os informes); e precisarán dun organismo independente para vixiar a privacidade dun xeito semellante a como se controlan as finanzas das empresa.
Con este anuncio dende Facebook confían en pechar o capítulo aberto polo escándalo de Cambridge Analytica, para poder avanzar nunha etapa na que poidan contar coa confianza dos usuarios.

PUBLICIDADE