Confirman o desenvolvemento dun Super Mario para 3DS

mércores, 2 de marzo do 2011 Marcus Fernández

Un ano máis chega a Game Developers Conference, que nesta ocasión ten coma protagonista á nova consola portátil de Nintendo, de aí que Satoru Iwata realizase unha presentación a xeito de anticipo do lanzamento europeo da Nintendo 3DS, na que o principal anuncio foi a confirmación de que está en preparación un novo Super Mario para 3DS, do que puideron verse varias imaxes, que presentan un certo aire ao Super Mario Galaxy e, de feito, comparte equipo de desenvolvemento con tal saga, o que é toda unha garantía.
Aínda que era evidente que Nintendo ía lanzar un xogo da súa principal saga para a nova consola, sorprende que non estivese entre os títulos de lanzamento, e incluso seguimos sen saber cando poderemos ver o novo título do que darán máis detalles no mes de xuño durante a feira E3.
Pero non toda a presentación de Iwata xirou ao redor de Mario, senón que tamén aproveitou a súa intervención para falar da industria dos videoxogos, amosando a súa preocupación polo feito de que se estea a perder a artesanía na creación de xogos, de xeito que están a converterse nun proceso industrial, polo que reivindica a recuperación do espírito co que se desenvolveron títulos coma Kirby, Mario ou Prince of Persia, que continúan diferenciándose do resto por sen uns produtos cativos, coidados e con certo carácter persoal.
Tampouco esqueceu o feito de que o desenvolvemento de títulos para videoconsolas está a vivir unha crise provocada en boa medida pola emerxencia dos xogos para móbiles, de xeito que hoxe terminais coma o iPhone teñen un catálogo de xogos moi superior que as consolas domésticas actuais.
Iwata considera que o modelo de negocio dos xogos para móbiles, baseado en prezos moi reducidos e publicidade forzan a uns custos de desenvolvemento moi reducidos, o que opina que non é positivo para o sector, por repercutir seriamente na calidade; aínda que esas críticas parecen encaixar só no punto de vista de Nintendo, posto que os desenvolvedores están encantados de poder participar en pequenos estudos que poden lanzar títulos para estas novas plataformas, pois ata o momento resultaba sumamente complicado poder editar un videoxogo, xa que era preciso non só adquirir un caro kit de desenvolvemento para cada consola, senón tamén acadar a autorización da compañía de videoxogos para poder lanzar un título para o seu sistema.

PUBLICIDADE