Confirman o peche da revista EDGE en España

luns, 20 de abril do 2009 Marcus Fernández

Hai preto dun mes comentabamos a posibilidade de que a edición española da revista EDGE botase o peche en España, seguindo os pasos de SuperJuegos Xtreme, e finalmente confirmáronse as sospeitas, e nos foros da publicación os seus responsables anuncian que a editorial Globus abandona esta cabeceira ante a perda de anunciantes e o incremento de cotas da editorial propietaria dos dereitos de EDGE, de xeito que a revista que xa superou os 200 números no Reino Unido quedou con só 36 dentro das nosas fronteiras, o que supón unha mala nova para os afeccionados aos videoxogos, que ven cómo a metade das revistas de videoxogos multiplataforma presentes no mercado español desaparece no que vai de ano, quedando só a veterana Hobby Consolas e a nova Marca Player.
Resulta curioso que entren en crise os medios impresos sobre videoxogos, sector do lecer que están en constante aumento, superando xa ao cine e á música xuntos no seu volume económico, pero parece que a situación do sector vén do cambio de hábitos dos usuarios, que cada día buscan máis información na web en vez de na prensa, de aí que as revistas especializadas estean en perigo de extinción en España, mentres que nos EE.UU. a revista Game Informer fose capaz de chegar ao posto 12º das listaxes de vendas, superando a Time, TV Guide, Cosmopolitan, Playboy e Maxim. ¿Un exemplo a seguir?.

PUBLICIDADE