Confirman o peche da web de videoxogos OJGames

xoves, 23 de abril do 2009 Marcus Fernández

Cando parecía que a crise económica só afectaba ás publicacións de videoxogos impresas, o Grupo Planeta decidiu pechar o portal web Ociojoven e a súa revista de videoxogos OJGames, operativa dende 2003, e que xa leva un tempo sen actualizarse, o que agora confirman coma un peche do negocio.
O proxecto de Ociojoven levaba preto dunha década funcionando, e non é unha boa nova a súa desaparición, pero entendemos que en momento de incerteza económica as compañías decidan centrar os seus esforzos nos produtos máis rendibles, e aínda que tanto Ociojoven coma OJGames contasen con contidos de calidade, non parece que fosen quen de acadar unha audiencia que os convertesen en medios representativos.
Agardemos que o goteo de peches remate pronto, pois comeza a resultar preocupante que desaparezan actores dentro dun sector que presumía de ser inmune á crise.

PUBLICIDADE